Conversas por Pontevedra

XAIME TOXO: EN CULTURA DEBEMOS OPTIMIZAR OS RECURSOS E APOSTAR POLA ARTE

Pedagogo de oficio, durante décadas e ata a súa recente xubilación na ONCE, e escritor por vocación, por fortuna para todos aínda en exercicio, Xaime Toxo é un dos grandes nomes da cultura na cidade, nomeadamente desde que en  2000 asumiu a presidencia do Ateneo (quizais, e tamén sen quizais, o colectivo que máis e mellor traballa por alimentar con propostas de todas as cores e disciplinas a programación da cidade). Entre ateneístas (ambos levamos máis de trinta anos de socios, e mesmo compartimos durante un cuatrienio pertenza á súa directiva) a seguinte conversa permíteme bosquexar un diagnóstico da cultura en Pontevedra e apuntar as liñas que poderán orientar un cambio de rumbo na acción do concello. Grazas, Xaime, polas preguntas e, sobre todo, por seguir aí.   

Cal é agora mesmo a análise que fas sobre o binomio cultura e cidade, ou cidadanía, centrándonos en Pontevedra?

Creo que hai motivos para afirmar que prima o “pan e circo”. Non é que esteamos contra os festexos, moitos deles con grande aceptación popular, como a Feira Franca, a xoia da coroa tras superar en puxanza mesmo o seu modelo da Festa da Istoria. Só que unha programación ambiciosa debe incluír, canda o compoñente lúdico, actividades que axuden á formación de todos. Pode e debe facerse a través de ofertas de sensibilidade moi diferentes, para gozo dos cidadáns e tamén como canle de proxección para os creadores; tanto os que xa están, por así dicilo, no Olimpo, coma, sobre todo, os que conforman a canteira.    

Centro e periferia, cidade e universidade, escenario ou laboratorio, consumir ou crear. Que che din estas realidades?

Creo que houbo, e non só en Pontevedra, un bum de grandes equipamentos, coincidindo pola súa vez co bum da construción e coa chegada de avultados fondos europeos. Con todo, e aínda que contamos co Pazo da Cultura, o CITA, e mesmo centros sociais nas parroquias, seguimos sen ter, por exemplo, Biblioteca Municipal e o Arquivo Municipal malvive espallado en catro emprazamentos moi deficientes. Sería bo rematar cos déficits evidentes e, ademais, coa non ben aproveitada utilización dos espazos xa existentes. Como? Pois garantindo unha continuidade maior nas actividades nos espazos habituais e, asemade, prestándolle unha maior atención aos barrios e parroquias.

Baseándonos nesta análise, onde coidas que se debería actuar con maior urxencia? Cal sería a cuestión máis relevante?

Trátase de optimizarmos os recursos, tanto públicos coma privados, desde a coordinación que debería asumirse necesariamente polo concello, aínda que introducindo os filtros necesarios para evitar o dirixismo. Trátase tamén de frear as fugas que se están producindo no caudal, e é importante facelo mimando a cultura de base e o tecido asociativo, e obxectivando as axudas e subvencións concentrándoas no asociacionismo real. Ninguén discute que o Ateneo, por exemplo, é un dos nosos grandes programadores culturais. Pois iso debe ser recoñecido. Aqueles colectivos que actúan, en cambio, como células dormentes e resucitan en función de intereses conxunturais, deben ter un apoio moito menor… En definitiva, necesitamos un motor a pleno rendemento, que debería ser o propio concello, e mais un proxecto que debería ter como gancho fundamental o patrimonio que todos nós recibimos en herdo.

Zona monumental, Camiño de Santiago… recuperación, rehabilitación, hábitat, espazo de encontro, espazo educativo, coidados especiais, plan integral especial. Como podemos actuar? Que podemos facer?

O patrimonio é o principal reclamo, e é o noso deber conservalo, mais tamén estendelo, para que deixe de ser o noso único escaparate. Está ben falarmos da cidade dos nenos, en expresión de Francesco Tonucci, só que iso non pode limitarse ás fronteiras de prazas como a de Curros Enríquez ou a Ferrería. A dos Praceres, en Lourizán e atravesada por vías de tren, tamén é Pontevedra e parece claro que non podemos dicir dela que é dos nenos, a pesar de termos un colexio a menos dun cento de metros de alí… Está ben, celebremos a recuperación para as persoas do centro histórico. Manteñamos citas consolidadas, como Culturgal, o Salón do Libro ou a Semana de Filosofía, pero traballemos por non deixar á marxe a ninguén.

Programación, espazos, órganos con competencias culturais… Unha serie de cuestións sobre as que podemos reflexionar. Que debemos manter, cambiar ou coordinar?

A clave, insisto, é a optimización dos recursos. Os propios e mais os que poidan captarse de quen os ten, facéndoos fluír para que cheguen á xente. Non é de recibo que o Pazo da Cultura conte anualmente cun orzamento dun millón e medio de euros achegados polo concello e só con 13.000 euros de patrocinios de empresas. Eu dixen na súa última xunta de goberno que habería que pasar, polo menos, a 14.000 euros… Talvez sería boa cousa impulsar un Observatorio, con presenza da Deputación, da Universidade e do tecido cultural vivo, non do que hiberna meses e mesmo anos. Tería como misión, tras facer un diagnóstico, dotarse dunha estrutura con xerencia e capacidade de execución. En cultura, hai que perderlle o medo ao atrevemento!  

Eventos culturais, veciñanza e marca de cidade… Pontevedra cara fóra. Que pensas das ofertas culturais da cidade como unha grande proposta de interese interno e externo?

Poderíase dicir que somos uns desagradecidos. Explícome. Tiñamos a Bienal de Arte, que era unha cita importante e pesou moito, canda o Museo Provincial,  á hora de traer para Pontevedra a facultade de Belas Artes. Está ben, xaora, apoiar outras iniciativas, pero a cidade tería que apostar por seguir por aí, converténdose nun polo de referencia mesmo internacional no terreo da arte. Non necesitamos aspirar a converternos un ano en Cidade Europea da Cultura (foino Guimaraes en 2012), pero si a dispoñer dun grande evento que nos converta ano tras ano en referentes do norte peninsular. Aí está o que para Avignon representa o seu festival de teatro, ou para Arlés os seus encontros fotográficos… irradiando, atraendo, movendo as súas economías.

Cultura e Natureza. A Illa do Covo é xa unha oportunidade perdida ou estamos a tempo de transformala nun grande espazo ecolóxico, educativo e de lecer?

As sucesivas secas e recheos de xunqueiras e areais fan que para nós sexa unha obriga coidar e potenciar o pouco que queda de espazos naturais. Aí está, de xeito especial, a Illa do Covo. Tamén, por certo, a Xunqueira de Alba, recoñecida como Espazo Natural de Interese Local, aínda que cada vez máis achicada e desatendida… Deberíamos dotar Pontevedra dun xardín botánico, e esa é unha boa alternativa. E o binomio cultura-natureza require tamén acertar co futuro dos terreos que ocupou Tafisa e coa vitoria na loita por recuperar as marismas de Lourizán, usufrutuadas e contaminadas pola Celulosa… Obxectivos que pasan por un cambio de gobernos, na Xunta e no Estado, mais tamén por redactar para Pontevedra un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.  

Que che suxiren a infrautilización de auditorios de tamaño medio ou a descoordinación entre organismos e colectivos?  

Creo que o número de infraestruturas culturais, aínda que mellorable, non é cativo. E tanto coas públicas coma coas privadas é moito máis o que pode facerse. Ao Pazo, o Teatro Principal, a Casa da Luz, ou os centros sociais do concello, debemos sumarlle salas da universidade, como a Casa das Campas, con grande uso, e espazos privados, como a Fundación Cuña ou, agora, Nemonon… O que resulta difícil de entender é o desaproveitamento do Café Moderno ou do auditorio de Afundación, que na práctica deixaron de ter uso desde que se cobra indecentemente por cedelos, cando non son espazos privados, senón patrimonio de todos, e mesmo o seguen sendo, porque as institucións, entre elas o noso concello, manteñen no seu consello representantes que están limitándose a actuar como convidados de pedra.

Luís Rei e Xaime Toxo

MARIQUIÑA LORES: A DEFENSA DUNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE

É unha das profesionais que máis e mellor coñecen, desde dentro, o sistema sanitario público galego, que ten nela unha das súas mellores valedoras desde a presidencia da Asociación galega para a defensa da sanidade pública. Cun mestrado en xestión e economía da saúde pola Universidade de Santiago, como pontevedreses temos a fortuna de que se especializase en radioloxía no noso Complexo Hospitalario, e de que exerza nel desde 1985. Ademais, entre xaneiro de 2008 e maio de 2009 foi directora asistencial, e ao longo dos anos publicou máis de vinte artigos en cabeceiras como Nueva Tribuna ou a Fundación 10 de Marzo. As súas preguntas permítenme traer a estas Conversas cal é, en materia sanitaria, a posición para a nosa cidade e comarca dunha alcaldía de Marea Pontevedra na capital da provincia.

-Luís, que se pode facer desde o Concello de Pontevedra para mellorar a sanidade pública?

-Tras a polémica reforma da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local do ano 2013, as Comunidades Autónomas asumiron as competencias sociais e sanitarias dos concellos. Con iso, ademais de afastar un servizo tan esencial da cidadanía, facilitouse o proceso cada vez máis acelerado de desmantelamento e privatización. Marea Pontevedra, en todo caso, anima a non instalarnos na resignación nun tema tan importante, desde o convencemento de que é moito o que se debe e pode seguir facendo desde os concellos. Por tanto, non podemos nin queremos quedar cos brazos cruzados.

-Que fará un goberno de Marea Pontevedra no goberno que xurda das eleccións locais de 2019?

-En primeiro lugar, impulsaremos a participación da cidadanía creando para iso o Consello de saúde municipal. O seu primeiro obxectivo será realizar un diagnóstico dos recursos existentes e das necesidades sociais e sanitarias da nosa poboación. A partir de aí, identificar as que non están cubertas e negociar coa Xunta de Galicia que, no canto da súa actual deixación de responsabilidades, poña en marcha un programa realizable para darlles solución ás principais carencias. Ou as executa directamente, ou traspasa o orzamento e somos nós desde o Concello os que as retomamos directamente, cousa que permitiría a lei. 

-Que necesidades consideras prioritarias?

-Nomeadamente os coidados en sentido amplo, como responsabilidade social, e por tanto de todos, máis prioritaria. Para persoas con recursos reducidos ou inexistentes, para persoas maiores que viven soas, para persoas con algún tipo de discapacidade e de calquera idade… A respecto do que chamamos Saúde Pública, é moito o que se pode facer para mellorar os hábitos de vida e, por suposto, para mellorar as condicións ambientais.

-Que pode facerse desde o Concello para a mellora os hábitos de vida da poboación de Pontevedra?

-O empeoramento do medio natural e dos hábitos de vida (alimentación, tabaquismo, e sedentarismo) son causa de obesidade (Galicia alcanzou nos últimos anos o segundo posto desa clasificación entre as dezasete comunidades autónomas), e mais do 50 por cento dos cancros (e de boa parte das enfermidades respiratorias, cardiovasculares ou da artrose). Os concellos teñen que facer moito máis pola mellora da saúde ofrecendo instalacións deportivas e de recreo a pouca distancia dos lugares de residencia das persoas e acompañadas de programas e actividades que lle axuden á xente a facer unha vida máis sa.

-Parece, por tanto, moi importante actuar sobre os hábitos da poboación. Como?

-Diminuír o sedentarismo á máis doado se se axuda con campañas municipais que impulsen a realización de exercicio físico. En pavillóns, como diciamos antes, mais tamén en parques e prazas ou mesmo nos patios dos colexios fóra do horario escolar. Fano noutros países e nalgunhas cidades españolas, é de grande axuda para diminuír a obesidade e mellorar a saúde física e mental das persoas… E tamén son moitas as iniciativas que se poden impulsar para  mellorar a alimentación, como a implantación de selos de calidade municipal en bares e restaurantes que oferten menús saudables a baixo prezo. 

–Que podemos facer para mellorar a calidade do aire e diminuír as afeccións respiratorias?

-No plano persoal, reducir o tabaquismo. Nós mesmos e entre os que nos rodean, para o que é esencial non converter as nosas prazas en fumadoiros. A respecto da contaminación ambiental, non soamente debemos conducir amodo, senón diminuír o número de coches na cidade. Para iso é necesario poñer en marcha un sistema de transporte público adaptado á nosa realidade. Por exemplo con liñas axeitadas ata o CHOP, que é a maior empresa de Pontevedra, a onde acoden diariamente milleiros de persoas, profesionais e pacientes, en vehículo privado e cun único ocupante en moitas ocasións. A implantación dun transporte público digno dese nome diminuirá a contaminación ambiental e mellorará a igualdade no acceso á atención sanitaria, ademais de facer innecesaria a construción do macro-aparcadoiro de xestión privada pensado para Montecelo, que por outra parte supón un novo co-pagamento na atención sanitaria.

-Para unha boa xestión de modos de vida saudables, desde o persoal cada quen, mais tamén desde o público, é imprescindible a axuda e complicidade en positivo da Xunta de Galicia. Como mellorala?

Marea Pontevedra rexeita a deriva privatizadora da nosa sanidade pública. O goberno de Núñez Feijóo, aproveitando a ampliación do Hospital Montecelo, pretende pechar o centro de especialidades de Mollavao e anular o uso sanitario do Hospital Provincial. Mesmo lanzou a idea de transformalo nunha residencia para maiores que con toda probabilidade acabará en mans dun fondo de investimento, como xa pasou coas restantes residencias públicas de Galicia. Isto suporá ademais a ruína de moitos establecementos comerciais do entorno do hospital. 

-Marea Pontevedra defenderá, sempre e en todo caso, que a ampliación do Hospital Montecelo, vaia acompañada co mantemento do uso sanitario do Hospital Provincial?

-Si. E non temos que demostrar nada a respecto diso. Era un dos dous únicos artigos da Iniciativa Lexislativa Popular que nós, canda outros actores importantes, impulsamos. Primeiro, ampliación de Montecelo, o Gran Montecelo, con financiamento público e xestión pública, que debe incluír un aparcadoiro gratuíto. Segundo, mantemento da xestión pública do Hospital Provincial e mais do seu uso sanitario. Algo, por certo, que levamos ao pleno do Concello, e ao que votaron en contra tanto o Partido Popular coma, curiosa e paradoxalmente, o Bloque de Lores. Nós, e todos os que defendemos aquela ILP, cremos que a situación  céntrica do Provincial convérteo nun piar fundamental para derivar a el as unidades de rehabilitación, fisioterapia, hospital de día ou o servizo de urxencias extrahospitalario… e iso evitaría colapsos no Servizo de Urxencias de  Montecelo, ao dispoñer de Radioloxía e análises clínicas. A necesidade certa de aumentar as prazas en residencias da terceira idade deberá afrontarse, pensamos, desde ese consello municipal de saúde que propoñemos, e coa colaboración da Xunta de Galicia e, no seu caso, tamén da Deputación.

Luís Rei e Mariquiña Lores

PEPA VÁZQUEZ: O BENESTAR SOCIAL E A IGUALDADE DAS PERSOAS

Inicio con Pepa Vázquez unha serie de conversas que deberán permitirme divulgar a cerna do proxecto con que Marea Pontevedra vai pedirlle aos pontevedreses a súa confianza para marcar un cambio de rumbo no Concello a partir da nosa chegada ao goberno. Como fundadora e principal responsable do equipo de Boa Vida, unha ONG creada hai seis anos e con trinta activistas e voluntarios na actualidade, Pepa faime o favor de preguntar. Pola miña vez, como candidato á alcaldía pola unidade popular pontevedresa, respóndolle desde o obxectivo compartido de loitar contra a pobreza, esa realidade que o BNG de Lores segue sen entender que non é “fixa discontinua”, e por iso a queixa polo tremendo atraso que acumula a posta en marcha da Renda Social Municipal, un compromiso que o “goberno eterno” asumiu a requirimento do Grupo Municipal de Marea Pontevedra para os orzamentos de 2017 e 2018.

-De gañaren as vindeiras eleccións locais, como organizará Marea os servizos sociais, e que nome lle poñerán á concellaría?

-A prioridade da Marea Pontevedra non é outra que garantir, de verdade e plenamente, os dereitos sociais da veciñanza e traballar para minguar a desigualdade e o  empobrecemento das familias. Cremos que, no organigrama político do Concello, toda esa área debe chamarse Concellaría de Benestar social e Igualdade das persoas. En todo caso, alén da denominación, o importante é o modelo, que para nós require potenciar   a súa actual estrutura de asistencia, promoción da autonomía das persoas e empoderamento social. Algo para o que é necesario ampliar uns equipos de profesionais que na actualidade ven limitadas as súas posibilidades de intervención.

-En que departamentos estará organizada? Muller, igualdade, loita contra a pobreza?

-Vemos precisa unha total reorganización dos servizos sociais comunitarios. Iso implica reconverter uns espazos nos que se poida realizar unha actividade de día polivalente. Debemos superar os actuais departamentos estancos para darlles respostas máis eficaces ás persoas maiores, os parados sen subsidios ou as familias numerosos ou monoparentais sen recursos. A nosa aposta céntrase en tres eixos: primeiro, garantir uns servizos sociais comunitarios fortes e incardinados no tecido social; segundo combater a exclusión social, un proceso que, alén da pobreza, define a imposibilidade ou dificultade intensa de acceder aos mercados de desenvolvemento persoal e inserción comunitaria e aos sistemas establecidos de protección social; e terceiro, impulsar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, con axuda especial ás vítimas da violencia machista. É tremendo que non haxa casa de acollida nin en Pontevedra nin na súa comarca. A máis próxima témola en Vigo.

-Con tanto por facer, por onde considera máis necesario comezar?

-O primeiro, despexar o camiño para que poida chegar aos seus necesitados destinatarios a Renda Social Municipal. Marea, como oposición útil, facilitou a aprobación dos orzamentos do Concello para 2017 e 2018, en gran parte porque se asumiu a nosa proposta de impulsar esa renda. E aínda que a partida estivo en ambos orzamentos a disposición do Concello, o goberno de Lores non despexou aínda o seu camiño normativo, a través dunha Ordenanza que seguen sen presentar ano e medio despois, e o caso é que ninguén en Pontevedra recibe un só euro do Concello por ese concepto.

-Que outras prioridades ve Marea?

-Os servizos sociais comunitarios e a política para equiparar a todos os efectos as mulleres e os homes, tanto na propia estrutura do concello coma a través da introdución de cláusulas sociais inclusivas na contratación con empresas externas ou na subvencións a entidades. A respecto disto é importante establecer unha liña de conexión entre as políticas de emprego e as de inclusión social. Entran aí axudas para alugueiros, para casos de pobreza enerxética ou para a formación continua conectada cos SEPE (antes, INEM), por exemplo, para as persoas que non remataron a ESO.

-Na área de atención ás mulleres, cales son as prioridades de Marea Pontevedra?

-Incrementar o orzamento e o persoal administrativo e técnico do actual Centro de Información da Muller. Traballar, desde o acompañamento solidario e a asistencia ás vítimas, en favor da eliminación das violencias machistas. E axudar o empoderamento feminino tanto na vida persoal e laboral coma na familiar, algo que debe ir acompañado especialmente de programas e medidas de conciliación familiar, na actualidade claramente limitadas pola escaseza de prazas ofertadas en escolas infantís, ou en residencias da terceira idade públicas.

-Pontevedra figura, ano tras ano, á cola en gasto social. Como dotaría de maior orzamento esta área?

-É unha vergonza que o noso Concello ocupe ano tras ano e durante todo o último mandato o posto de cola entre as cidades galegas. Os datos do Ministerio de Facenda dan, entre nós e en 2016, un gasto social de 52 euros por habitante, cando en Lugo chegou a 107. E tamén ocupamos, con Teruel, o posto derradeiro do Estado; por certo, recoñecido polos directores e xerentes de servizos sociais co título “honorífico” de “Corazón de Pedra”. Marea propúxose corrixir iso impulsando a creación da Renda social municipal, por medio dun acordo co goberno do Bloque no Concello polo que lle facilitamos os Orzamentos de 2017 e 2018. Requiría cartos e, tamén, unha Ordenanza propia para a súa xestión. Porén, tras dous anos e a pesar de todos os requirimentos que lles fomos reiterando, por escrito e verbalmente, a día de hoxe seguimos á espera da súa posta en marcha… O malo é que a pobreza non é “fixa discontinua”. Non estraña, por tanto, ese premio inverso que é o “Corazón de Pedra”.

-Pontevedra ten os servizos sociais municipais centralizados no Chalé de Fontoira, cun punto de atención no Centro social de Monte Porreiro. Como quere organizar vostede os servizos para dar atención ás parroquias do rural?

-O punto de partida é de xeito obrigado a estrutura actual, coas nove unidades de traballo social. Iso melloraríase a partir das valoracións técnicas do propio servizo, adecuadas ao volume de familias demandantes e ás necesidades que o día a día faga emerxer- Os tempos de demora na atención, actualmente moi dilatados, teñen que reducirse drasticamente. Hai unidades familiares que teñen que esperar por unha cita coa súa traballadora social de referencia mais dun mes, cousa clara e inxustamente excesiva. Marea propón unha nova reorganización dos servizos sociais, creando máis puntos de atención- Con maior proximidade ás parroquias, nomeadamente as máis populosas, e cunha rapidez nas respostas moito maior.

-A sociedade pontevedresa identifica a Marea coa loita por rescatar os servizos externalizados para a súa xestión pública e directa. Como atopará o equilibrio entre a municipalización e a participación das organizacións sen ánimo de lucro, como Meniños, o Secretariado xitano, Amigos de Galicia, Cáritas e Calor e café, cos seus albergues, ou o comedor social de San Francisco?

-O noso compromiso é co ben común, e a idea xeral é concretalo coa xestión do común desde o común. Iso tradúcese, necesariamente, en asumir a xestión de xeito directo, con recursos e persoal propio. Así debe ocorrer en casos como o abastecemento de auga e o saneamento, posto que os dereitos das persoas non deben estar sometidos á lóxica perversa das ganancias das grandes corporacións, que é o que fai que teñamos aínda miles de casas do rural sen auga… Iso non quita que na loita pola inclusión e contra a pobreza se poidan establecer acordos de colaboración coas entidades que teñen acreditado ao longo dos anos unha presenza desinteresada e puramente altruísta de traballo coas persoas mais desfavorecidas. Aí promoveriamos protocolos de colaboración ou convenios. Iso si, velando en todo momento por que sexan públicos, transparentes e en igualdade de condicións. As organización sen ánimo de lucro levan moito tempo cubrindo os desleixos dun goberno municipal pouco interesado en investir nas persoas. Nós teríamos iso moi en conta xa que nunha visión ambiciosa do Benestar Social hai tres grupos sen os que non poden deseñarse políticas efectivas: as Administracións públicas (europea, estatal, autonómica e local), a cidadanía organizada (movementos veciñal e social, sindicatos e colectivos de afectados por todo tipo de problemáticas); e mesmo un tecido empresarial no que debemos incluír o chamado Terceiro Sector.

-A convocatoria de subvencións a entidades dos servizos sociais traduciuse en 2016 nunha financiación do 50 por cento das actividades seleccionadas. Marea Pontevedra analizou o impacto disto na realidade? Como queren facelo máis útil desde o goberno do Concello?

-Máis que prestar un apoio real a entidades que desenvolven a súas actividades no eido dos servizos sociais, o que semella facer o concello estes anos é un lavado de cara, xa que apoiar cun 50 por cento aos que están atendendo as necesidades básicas da cidadanía é unha miseria. Para Marea é esencial acertar cun deseño de políticas de subvencións que sirvan de forma eficaz na loita contra a pobreza e as desigualdades, a partir, insisto, dunha xestión  transparente, democrática, participativa e ligada á contorna rural e urbana.

-Cónstalle que o Concello teña un estudo de necesidades da poboación pontevedresa por barrios e parroquias? Como se fai a distribución de recursos á poboación por ratios de atención e problemáticas? Teñen vostedes un Plan estratéxico para esta área?

-O máis parecido a unha radiografía, e útil como punto de partida, é o Observatorio que o Consello Económico Social lle encarga anualmente ao grupo de traballo da Universidade de Vigo que dirixe o profesor Pedro Figueroa. Presenta unha recollida de datos exhaustiva e faino en táboas comparativas coas outras cidades galegas. O que obvia, en cambio, é deterse a facer unha análise pormenorizada por barrios e parroquias. E o certo é que é moi importante coñecer a calidade vida das persoas, os niveis de risco de exclusión social e a orixe da pobreza. De aí deben saír as políticas de intervención social das que fomos falando nesta conversa. Mais tamén debemos saber que o único xeito de atallar o problema de raíz é desde a economía. Cun modelo que a cidade segue sen ter, que garanta riqueza e, por tanto, postos de traballo con salarios dignos. Pontevedra ten que deixar de estar tamén na cabeza da clasificación en desemprego.

Luís Rei e Pepa Vázquez