Cultura

XAIME TOXO: EN CULTURA DEBEMOS OPTIMIZAR OS RECURSOS E APOSTAR POLA ARTE

Pedagogo de oficio, durante décadas e ata a súa recente xubilación na ONCE, e escritor por vocación, por fortuna para todos aínda en exercicio, Xaime Toxo é un dos grandes nomes da cultura na cidade, nomeadamente desde que en  2000 asumiu a presidencia do Ateneo (quizais, e tamén sen quizais, o colectivo que máis e mellor traballa por alimentar con propostas de todas as cores e disciplinas a programación da cidade). Entre ateneístas (ambos levamos máis de trinta anos de socios, e mesmo compartimos durante un cuatrienio pertenza á súa directiva) a seguinte conversa permíteme bosquexar un diagnóstico da cultura en Pontevedra e apuntar as liñas que poderán orientar un cambio de rumbo na acción do concello. Grazas, Xaime, polas preguntas e, sobre todo, por seguir aí.   

Cal é agora mesmo a análise que fas sobre o binomio cultura e cidade, ou cidadanía, centrándonos en Pontevedra?

Creo que hai motivos para afirmar que prima o “pan e circo”. Non é que esteamos contra os festexos, moitos deles con grande aceptación popular, como a Feira Franca, a xoia da coroa tras superar en puxanza mesmo o seu modelo da Festa da Istoria. Só que unha programación ambiciosa debe incluír, canda o compoñente lúdico, actividades que axuden á formación de todos. Pode e debe facerse a través de ofertas de sensibilidade moi diferentes, para gozo dos cidadáns e tamén como canle de proxección para os creadores; tanto os que xa están, por así dicilo, no Olimpo, coma, sobre todo, os que conforman a canteira.    

Centro e periferia, cidade e universidade, escenario ou laboratorio, consumir ou crear. Que che din estas realidades?

Creo que houbo, e non só en Pontevedra, un bum de grandes equipamentos, coincidindo pola súa vez co bum da construción e coa chegada de avultados fondos europeos. Con todo, e aínda que contamos co Pazo da Cultura, o CITA, e mesmo centros sociais nas parroquias, seguimos sen ter, por exemplo, Biblioteca Municipal e o Arquivo Municipal malvive espallado en catro emprazamentos moi deficientes. Sería bo rematar cos déficits evidentes e, ademais, coa non ben aproveitada utilización dos espazos xa existentes. Como? Pois garantindo unha continuidade maior nas actividades nos espazos habituais e, asemade, prestándolle unha maior atención aos barrios e parroquias.

Baseándonos nesta análise, onde coidas que se debería actuar con maior urxencia? Cal sería a cuestión máis relevante?

Trátase de optimizarmos os recursos, tanto públicos coma privados, desde a coordinación que debería asumirse necesariamente polo concello, aínda que introducindo os filtros necesarios para evitar o dirixismo. Trátase tamén de frear as fugas que se están producindo no caudal, e é importante facelo mimando a cultura de base e o tecido asociativo, e obxectivando as axudas e subvencións concentrándoas no asociacionismo real. Ninguén discute que o Ateneo, por exemplo, é un dos nosos grandes programadores culturais. Pois iso debe ser recoñecido. Aqueles colectivos que actúan, en cambio, como células dormentes e resucitan en función de intereses conxunturais, deben ter un apoio moito menor… En definitiva, necesitamos un motor a pleno rendemento, que debería ser o propio concello, e mais un proxecto que debería ter como gancho fundamental o patrimonio que todos nós recibimos en herdo.

Zona monumental, Camiño de Santiago… recuperación, rehabilitación, hábitat, espazo de encontro, espazo educativo, coidados especiais, plan integral especial. Como podemos actuar? Que podemos facer?

O patrimonio é o principal reclamo, e é o noso deber conservalo, mais tamén estendelo, para que deixe de ser o noso único escaparate. Está ben falarmos da cidade dos nenos, en expresión de Francesco Tonucci, só que iso non pode limitarse ás fronteiras de prazas como a de Curros Enríquez ou a Ferrería. A dos Praceres, en Lourizán e atravesada por vías de tren, tamén é Pontevedra e parece claro que non podemos dicir dela que é dos nenos, a pesar de termos un colexio a menos dun cento de metros de alí… Está ben, celebremos a recuperación para as persoas do centro histórico. Manteñamos citas consolidadas, como Culturgal, o Salón do Libro ou a Semana de Filosofía, pero traballemos por non deixar á marxe a ninguén.

Programación, espazos, órganos con competencias culturais… Unha serie de cuestións sobre as que podemos reflexionar. Que debemos manter, cambiar ou coordinar?

A clave, insisto, é a optimización dos recursos. Os propios e mais os que poidan captarse de quen os ten, facéndoos fluír para que cheguen á xente. Non é de recibo que o Pazo da Cultura conte anualmente cun orzamento dun millón e medio de euros achegados polo concello e só con 13.000 euros de patrocinios de empresas. Eu dixen na súa última xunta de goberno que habería que pasar, polo menos, a 14.000 euros… Talvez sería boa cousa impulsar un Observatorio, con presenza da Deputación, da Universidade e do tecido cultural vivo, non do que hiberna meses e mesmo anos. Tería como misión, tras facer un diagnóstico, dotarse dunha estrutura con xerencia e capacidade de execución. En cultura, hai que perderlle o medo ao atrevemento!  

Eventos culturais, veciñanza e marca de cidade… Pontevedra cara fóra. Que pensas das ofertas culturais da cidade como unha grande proposta de interese interno e externo?

Poderíase dicir que somos uns desagradecidos. Explícome. Tiñamos a Bienal de Arte, que era unha cita importante e pesou moito, canda o Museo Provincial,  á hora de traer para Pontevedra a facultade de Belas Artes. Está ben, xaora, apoiar outras iniciativas, pero a cidade tería que apostar por seguir por aí, converténdose nun polo de referencia mesmo internacional no terreo da arte. Non necesitamos aspirar a converternos un ano en Cidade Europea da Cultura (foino Guimaraes en 2012), pero si a dispoñer dun grande evento que nos converta ano tras ano en referentes do norte peninsular. Aí está o que para Avignon representa o seu festival de teatro, ou para Arlés os seus encontros fotográficos… irradiando, atraendo, movendo as súas economías.

Cultura e Natureza. A Illa do Covo é xa unha oportunidade perdida ou estamos a tempo de transformala nun grande espazo ecolóxico, educativo e de lecer?

As sucesivas secas e recheos de xunqueiras e areais fan que para nós sexa unha obriga coidar e potenciar o pouco que queda de espazos naturais. Aí está, de xeito especial, a Illa do Covo. Tamén, por certo, a Xunqueira de Alba, recoñecida como Espazo Natural de Interese Local, aínda que cada vez máis achicada e desatendida… Deberíamos dotar Pontevedra dun xardín botánico, e esa é unha boa alternativa. E o binomio cultura-natureza require tamén acertar co futuro dos terreos que ocupou Tafisa e coa vitoria na loita por recuperar as marismas de Lourizán, usufrutuadas e contaminadas pola Celulosa… Obxectivos que pasan por un cambio de gobernos, na Xunta e no Estado, mais tamén por redactar para Pontevedra un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.  

Que che suxiren a infrautilización de auditorios de tamaño medio ou a descoordinación entre organismos e colectivos?  

Creo que o número de infraestruturas culturais, aínda que mellorable, non é cativo. E tanto coas públicas coma coas privadas é moito máis o que pode facerse. Ao Pazo, o Teatro Principal, a Casa da Luz, ou os centros sociais do concello, debemos sumarlle salas da universidade, como a Casa das Campas, con grande uso, e espazos privados, como a Fundación Cuña ou, agora, Nemonon… O que resulta difícil de entender é o desaproveitamento do Café Moderno ou do auditorio de Afundación, que na práctica deixaron de ter uso desde que se cobra indecentemente por cedelos, cando non son espazos privados, senón patrimonio de todos, e mesmo o seguen sendo, porque as institucións, entre elas o noso concello, manteñen no seu consello representantes que están limitándose a actuar como convidados de pedra.