Fin do convenio taurino

O espectáculo de sacrificar reses bravas diante de público adulto é, de momento, legal en España, e Pontevedra conta no seu termo municipal cunha praza de touros permanente dedicada a iso e explotada pola empresa “Plazas y Toros“, cuxos titulares rexistrais son os irmáns Lozano Martín.

O concello de Pontevedra adquiriu o que xa é o costume de asinar con esa empresa un Contrato de cesión de uso sobre a utilización da Praza de Touros para espectáculos non taurinos (de vixencia anual e renovado cada ano). En virtude dese contrato, o concello comprométese a pagarlle á devandita empresa a cantidade de 38.500 euros (IVE engadido), á parte destoutros compromisos igualmente moi vantaxosos para a empresa:

  • Correr co importe dos gastos orixinados pola organización dos actos,
  • Satisfacer todos os impostos, arbitrios, taxas, contribucións e tributos que graven eses actos (en particular, o canon á Sociedade Xeral de Autores de España e o IVE),
  • Entregar á empresa as localidades do Palco (30, destinadas a invitacións para “atencións persoais”),
  • Ceder a explotación do servizo de bares e bebidas dos espectáculos que organice o concello, que será por conta, a cargo e beneficio da propiedade da praza.

A empresa, ademais, resérvase o dereito a bloquear, por dereito exclusivo e preferente, as datas da primeira quincena de agosto nas que organiza as corridas de touros da Feira da Peregrina. Pola súa banda, o concello obtén, se así o solicita, a cesión da praza para actividades nas festividades de Reis, Entroido, Feira Franca, Festas de verán e Ruta Cabalar. Na práctica, o uso principal que o concello lle está dando ao coso pontevedrés é nunha pequena parte do programa da Feira Franca.

Entendemos que este contrato é, en realidade, unha subvención encuberta,e en condicións moi favorables para a empresa, das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública e, por suposto, tamén Marea Pontevedra. A única xustificación posible para o gasto que ese contrato lle reporta ao concello é a cesión da praza; unha cesión, por certo, que non é imprescindible para ningunha das finalidades aducidas. Abonda, a este respecto, o exemplo da Feira Franca: feiras medievais hai moitas na xeografía galega, e gran parte delas inclúen espectáculos con animais, porén, en ningún outro lugar de Galicia dispoñen dunha praza de touros. É dicir, a eses espectáculos podería buscárselle tamén en Pontevedra un emprazamento alternativo (e mesmo máis próximo ao centro urbano).

PROPOSICIÓN:
  1. Non volver a subscribir o denominado Contrato de cesión de uso sobre a utilización da Praza de Touros para espectáculos non taurinos.
  2. Iniciar os trámites administrativos para a suspensión do mesmo.
  3. Declarar o de Pontevedra “concello amigo dos animais”, e adquirir o compromiso de non subvencionar nin directa nin indirectamente ningún tipo de espectáculos que supoñan maltrato animal.
Moción