Que defendemos

RENDA SOCIAL MUNICIPAL

A renda social é unha prestación económica para facer fronte dun xeito digno ao pago de necesidades. As axudas de emerxencia social municipal (AES), son prestacións económicas non periódicas para paliar situacións de urxencia social, fronte a renda social municipal que ten como finalidade modificar situacións de necesidade como apoio a inclusión social.


RECUPERACIÓN INTEGRAL DA RÍA DE PONTEVEDRA

O concello de Pontevedra ten 5 quilómetros de fachada marítima e nos últimos 17 anos non se gañou un só metro na recuperación do litoral, senón que seguiu agravándose a situación. Marea Pontevedra ten localizadas ata 7 agresións graves na desembocadura do río Lérez (enlace da AP9, edificio da Garda Civil, porto deportivo, naves da administración provincial na xunqueira do Alba, gasolineira e edificios da ponte do Burgo, verteduras directas entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes e cocheiras do ministerio de Fomento), e 7 máis no fondo da ría (autovía a Marín, cocheiras de Monbus, macronudo-rotonda da AP9, complexo Ence-Elnosa, liña ferroviaria, recheos do porto, xunqueira de Gandarela).


SOTERRAMENTO DA ALTA TENSIÓN EN MONTE PORREIRO

Ademais da liña de alta para a que se acadou o compromiso de soterramento, no corazón do barrio de Monte Porreiro, ao carón dunha das torres que serán retiradas, na confluencia das rúas Alemaña e Bélxica dentro do Parque Europa, existe un centro de transformación eléctrica duns 35 m cadrados de planta que conta con dous transformadores eléctricos no seu interior de 630 e 400 kVA, quilovoltioamperios, respectivamente. Este centro de transformación eléctrica ademais de poder constituír un risco potencial para a saúde nun entorno de xogo infantil e de reunión de persoas en xeral, xera unha importante barreira física, bloqueando a comunicación das rúas cara o parque central de Monte Porreiro e imposibilitando a existencia dunha entrada principal cunha mellor accesibilidade dende a rúa Bélxica.


PLAN DE EMPREGO MUNICIPAL

O plan de Emprego para a Mocidade de Pontevedra é un plan de formación certificada con prácticas en empresas, dirixido a 105 persoas (63 mozas e 42 mozos) de entre 16 e 30 anos, desempregados/as, e que non estean integrados/as nos sistemas de educación ou formación, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da xuventude de Pontevedra cunha duración de 12 meses.


XESTIÓN PÚBLICA DOS SERVIZOS BÁSICOS

No Concello de Pontevedra a maior parte dos servizos están en mans de empresas concesionarias, algo que levamos tempo intentando cambiar desde a nosa entrada na corporación municipal. Nas Mareas temos como un dos nosos principios básicos a defensa da xestión directa dos servizos proporcionados desde o sector público. Consideramos que as inversións públicas encamiñadas a facilitar a vida das persoas e a cubrir as súas necesidades básicas deben estar suxeitas ao interese xeral e non á procura de beneficios por parte das entidades que os xestionen.


TRANSPORTE METROPOLITANO

Pontevedra é o único concello galego de máis de 50.000 habitantes que non ten un servizo público de transporte metropolitano. No canto dun servizo público de transporte, o que existe é unha rede de liñas que dependen de diferentes concesións da Xunta de Galicia. Esta situación impide que os rapaces de ata 19 anos poidan viaxar de balde no transporte metropolitano, unha discriminación respecto a outros concellos do país.


PROTECCIÓN ANIMAL

Pontevedra precisa da creación dun servizo de recollida e dun protocolo de atención de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido e impulso de campañas de sensibilización sobre a protección, coidado e e abandono de animais, ou o incremento ano tras ano de animais abandonados.

Ver máis

CONSULTA TODA A ACTIVIDADE INSTITUCIONAL DE MAREA PONTEVEDRA