Imán Fisterra

IMÁN FISTERRA

A chuvia anda a catro patas e o viaxeiro percorre a Costa da Morte fuxindo de si mesmo. Daquela, a certeza de que deste territorio está a desaparecer un xeito de vida que se corresponde cun século anterior anima o autor á escrita destas páxinas, que remexen conversas cos habitantes do confín, impresións viaxeiras e mesmo apuntamentos de patriota dese anaco do mapa da Coruña que vai de Muros a Malpica. Xa que logo, o autor destes cadernos acaba fotografando, coa súa propia busca dunha orde interior, un tempo de Fisterra que, ás veces, recibe as vareadas do temporal; mentres noutras ocasións fai do mar un vello xubilado que senta nas penas co único propósito de saudar o sol, o seu mellor inimigo. Este libro é unha invitación a que os nosos pasos imanten no faro da fin do mundo, ou viceversa.