Meu Pontevedra

MEU PONTEVEDRA

… sei que son un anaquiño de eternidade galega.

                                               CASTELAO

     Unha leira en Mourente e o xardín que arelan

as mans que me envolven nas caricias da dita.

A casa que alí puxo o arquitecto Portela

con pedras que levitan.

 

     A orde da capela tipográfica do alto:

libros onde un é o samurai da calma.

O reloxo de area das praias do pasado.

Un soto sen fantasmas.

 

     Os gonzos da cancela cando veñen amigos.

Os risos da camelia imitándoa a ela.

O non ir nunca á misa nin tampouco ó Casino.

A calor das protestas.

 

     As peixeiras rabudas nas mañás do Mercado.

O loureiro que mima o ferver da centola.

A álxebra das nubes sobre a illa de Tambo.

Os roscóns das avoas.

 

     A auga das fontiñas e a sede dos que pasan.

Os paxaros da tarde ganduxados no aire.

As revoltas do Lérez sobre as borras do nada.

Ese can que nos lambe.

 

     Unha bóla do mundo para as teimas traidoras.

O azul no corazón e o mar desazulándose

nas dozuras da noite (a nenez, soñadora,

a vellez atrasándose).

 

     O engado da fala, as velas dunha nao,

a rúa dun segredo cun monte de anos

e os cruceiros de pedra que copiou Castelao

co esmero dos santos.

 

     Cada banco das prazas onde sermos narcisos.

Cada oasis prendido na alma de Pontevedra.

¡Esas cousas pequechas que fan un paraíso

de eternidade meiga!