Espella a realidade plural da cultura do país como a súa mellor testemuña desde hai 28 anos. É tamén o mellor altavoz para as ofertas de sensibilidade que lanzan os creadores de todas as disciplinas e estéticas desde o lugar da resistencia (moitas veces ao seu pesar: preferirían a rutina da normalidade). O barco chámase “Diario cultural”, pilótao Ana Romaní e forman o resto da tripulación algún dos grandes xornalistas culturais do país. Agora, cando aínda lle quedan por diante tantas singraduras, pende sobre el a ameaza do desguace.

Se hai esta zuna contra a testemuña, non cabe pensar que o que está a piques de producirse, ou xa se consumou, é un crime contra a protagonista?

A algúns, a cultura galega só lles gusta de corpo presente, como cadáver. Por iso, no canto de facilitarlle ao enfermo a respiración asistida, fan todo o posible por acortarlle a agonía.

A cultura galega necesita de espazos coa solvencia do “Diario cultural”. Toda a nosa solidariedade coa súa loita por sobrevivir. A súa é a nosa propia loita.