A dos Portela acreditou e acredita ser unha das grandes estirpes culturais da Boa Vila, á que o debuxante Agustín lle dedicou o primeiro libro que saíu en galego durante o franquismo. O seu fillo César, cunha prometedora carreira e opcións máis fáciles e proveitosas por diante, escolleu en 1968 fundar aquí (na rúa García Camba, onde aínda segue) o seu estudo de arquitectura.

Desde ese patriotismo pontevedrés e a aposta moral por un humanismo progresista construíu a partir de entón en toda a península e catro continentes. Porén, mentres a súa obra merecía múltiples recoñecementos internacionais, tivo que superar na súa propia terra un tempo de vetos no que a súa pegada ía quedando preferentemente en casas de amigos. Ata que a súa valía se abriu paso e puido ocuparse de proxectos tan importantes para a cidade como o da Praza de Abastos, a facultade de Belas Artes ou o reconversión do edificio central da Caixa.

Os responsables do Concello, en cambio, preferiron ignorar o seu valiosísimo criterio profesional no deseño da nosa ordenación, permitíndose a torpeza de renunciar ás achegas dunha das grandes figuras na escena internacional da arquitectura e do urbanismo.

Para Marea Pontevedra, o maior privilexio dos tres anos transcorridos desde a nosa chegada ao Concello foi poñernos á súa disposición. Aí estiveron o arquitecto Guillermo Casalderrey, para a recreación virtual, e o enxeñeiro forestal Manuel Fontán, no asesoramento técnico. O resultado é un proxecto coma o da Praza do Mar, ideado co obxectivo claro de axudar ao renacer das Corbaceiras e da Moureira toda tras un funesto devalo de décadas.

Seguiranlle un rosario de propostas, nos meses vindeiros, pero é toda unha declaración de intencións que a primeira leve, precisamente, o “selo Portela”, para quen só temos admiración e agradecemento infinitos. Non podiamos iniciar mellor a campaña que ha conducir á remuda no Concello, poñéndolle fin a un tempo de goberno eterno (BNG) e da súa némese auxiliar perfecta, a oposición eterna (PP), de tan cativos resultados para a maioría social. Agora e aquí… arranca o Camiño’19.