Servizos Sociais

PEPA VÁZQUEZ: O BENESTAR SOCIAL E A IGUALDADE DAS PERSOAS

Inicio con Pepa Vázquez unha serie de conversas que deberán permitirme divulgar a cerna do proxecto con que Marea Pontevedra vai pedirlle aos pontevedreses a súa confianza para marcar un cambio de rumbo no Concello a partir da nosa chegada ao goberno. Como fundadora e principal responsable do equipo de Boa Vida, unha ONG creada hai seis anos e con trinta activistas e voluntarios na actualidade, Pepa faime o favor de preguntar. Pola miña vez, como candidato á alcaldía pola unidade popular pontevedresa, respóndolle desde o obxectivo compartido de loitar contra a pobreza, esa realidade que o BNG de Lores segue sen entender que non é “fixa discontinua”, e por iso a queixa polo tremendo atraso que acumula a posta en marcha da Renda Social Municipal, un compromiso que o “goberno eterno” asumiu a requirimento do Grupo Municipal de Marea Pontevedra para os orzamentos de 2017 e 2018.

-De gañaren as vindeiras eleccións locais, como organizará Marea os servizos sociais, e que nome lle poñerán á concellaría?

-A prioridade da Marea Pontevedra non é outra que garantir, de verdade e plenamente, os dereitos sociais da veciñanza e traballar para minguar a desigualdade e o  empobrecemento das familias. Cremos que, no organigrama político do Concello, toda esa área debe chamarse Concellaría de Benestar social e Igualdade das persoas. En todo caso, alén da denominación, o importante é o modelo, que para nós require potenciar   a súa actual estrutura de asistencia, promoción da autonomía das persoas e empoderamento social. Algo para o que é necesario ampliar uns equipos de profesionais que na actualidade ven limitadas as súas posibilidades de intervención.

-En que departamentos estará organizada? Muller, igualdade, loita contra a pobreza?

-Vemos precisa unha total reorganización dos servizos sociais comunitarios. Iso implica reconverter uns espazos nos que se poida realizar unha actividade de día polivalente. Debemos superar os actuais departamentos estancos para darlles respostas máis eficaces ás persoas maiores, os parados sen subsidios ou as familias numerosos ou monoparentais sen recursos. A nosa aposta céntrase en tres eixos: primeiro, garantir uns servizos sociais comunitarios fortes e incardinados no tecido social; segundo combater a exclusión social, un proceso que, alén da pobreza, define a imposibilidade ou dificultade intensa de acceder aos mercados de desenvolvemento persoal e inserción comunitaria e aos sistemas establecidos de protección social; e terceiro, impulsar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, con axuda especial ás vítimas da violencia machista. É tremendo que non haxa casa de acollida nin en Pontevedra nin na súa comarca. A máis próxima témola en Vigo.

-Con tanto por facer, por onde considera máis necesario comezar?

-O primeiro, despexar o camiño para que poida chegar aos seus necesitados destinatarios a Renda Social Municipal. Marea, como oposición útil, facilitou a aprobación dos orzamentos do Concello para 2017 e 2018, en gran parte porque se asumiu a nosa proposta de impulsar esa renda. E aínda que a partida estivo en ambos orzamentos a disposición do Concello, o goberno de Lores non despexou aínda o seu camiño normativo, a través dunha Ordenanza que seguen sen presentar ano e medio despois, e o caso é que ninguén en Pontevedra recibe un só euro do Concello por ese concepto.

-Que outras prioridades ve Marea?

-Os servizos sociais comunitarios e a política para equiparar a todos os efectos as mulleres e os homes, tanto na propia estrutura do concello coma a través da introdución de cláusulas sociais inclusivas na contratación con empresas externas ou na subvencións a entidades. A respecto disto é importante establecer unha liña de conexión entre as políticas de emprego e as de inclusión social. Entran aí axudas para alugueiros, para casos de pobreza enerxética ou para a formación continua conectada cos SEPE (antes, INEM), por exemplo, para as persoas que non remataron a ESO.

-Na área de atención ás mulleres, cales son as prioridades de Marea Pontevedra?

-Incrementar o orzamento e o persoal administrativo e técnico do actual Centro de Información da Muller. Traballar, desde o acompañamento solidario e a asistencia ás vítimas, en favor da eliminación das violencias machistas. E axudar o empoderamento feminino tanto na vida persoal e laboral coma na familiar, algo que debe ir acompañado especialmente de programas e medidas de conciliación familiar, na actualidade claramente limitadas pola escaseza de prazas ofertadas en escolas infantís, ou en residencias da terceira idade públicas.

-Pontevedra figura, ano tras ano, á cola en gasto social. Como dotaría de maior orzamento esta área?

-É unha vergonza que o noso Concello ocupe ano tras ano e durante todo o último mandato o posto de cola entre as cidades galegas. Os datos do Ministerio de Facenda dan, entre nós e en 2016, un gasto social de 52 euros por habitante, cando en Lugo chegou a 107. E tamén ocupamos, con Teruel, o posto derradeiro do Estado; por certo, recoñecido polos directores e xerentes de servizos sociais co título “honorífico” de “Corazón de Pedra”. Marea propúxose corrixir iso impulsando a creación da Renda social municipal, por medio dun acordo co goberno do Bloque no Concello polo que lle facilitamos os Orzamentos de 2017 e 2018. Requiría cartos e, tamén, unha Ordenanza propia para a súa xestión. Porén, tras dous anos e a pesar de todos os requirimentos que lles fomos reiterando, por escrito e verbalmente, a día de hoxe seguimos á espera da súa posta en marcha… O malo é que a pobreza non é “fixa discontinua”. Non estraña, por tanto, ese premio inverso que é o “Corazón de Pedra”.

-Pontevedra ten os servizos sociais municipais centralizados no Chalé de Fontoira, cun punto de atención no Centro social de Monte Porreiro. Como quere organizar vostede os servizos para dar atención ás parroquias do rural?

-O punto de partida é de xeito obrigado a estrutura actual, coas nove unidades de traballo social. Iso melloraríase a partir das valoracións técnicas do propio servizo, adecuadas ao volume de familias demandantes e ás necesidades que o día a día faga emerxer- Os tempos de demora na atención, actualmente moi dilatados, teñen que reducirse drasticamente. Hai unidades familiares que teñen que esperar por unha cita coa súa traballadora social de referencia mais dun mes, cousa clara e inxustamente excesiva. Marea propón unha nova reorganización dos servizos sociais, creando máis puntos de atención- Con maior proximidade ás parroquias, nomeadamente as máis populosas, e cunha rapidez nas respostas moito maior.

-A sociedade pontevedresa identifica a Marea coa loita por rescatar os servizos externalizados para a súa xestión pública e directa. Como atopará o equilibrio entre a municipalización e a participación das organizacións sen ánimo de lucro, como Meniños, o Secretariado xitano, Amigos de Galicia, Cáritas e Calor e café, cos seus albergues, ou o comedor social de San Francisco?

-O noso compromiso é co ben común, e a idea xeral é concretalo coa xestión do común desde o común. Iso tradúcese, necesariamente, en asumir a xestión de xeito directo, con recursos e persoal propio. Así debe ocorrer en casos como o abastecemento de auga e o saneamento, posto que os dereitos das persoas non deben estar sometidos á lóxica perversa das ganancias das grandes corporacións, que é o que fai que teñamos aínda miles de casas do rural sen auga… Iso non quita que na loita pola inclusión e contra a pobreza se poidan establecer acordos de colaboración coas entidades que teñen acreditado ao longo dos anos unha presenza desinteresada e puramente altruísta de traballo coas persoas mais desfavorecidas. Aí promoveriamos protocolos de colaboración ou convenios. Iso si, velando en todo momento por que sexan públicos, transparentes e en igualdade de condicións. As organización sen ánimo de lucro levan moito tempo cubrindo os desleixos dun goberno municipal pouco interesado en investir nas persoas. Nós teríamos iso moi en conta xa que nunha visión ambiciosa do Benestar Social hai tres grupos sen os que non poden deseñarse políticas efectivas: as Administracións públicas (europea, estatal, autonómica e local), a cidadanía organizada (movementos veciñal e social, sindicatos e colectivos de afectados por todo tipo de problemáticas); e mesmo un tecido empresarial no que debemos incluír o chamado Terceiro Sector.

-A convocatoria de subvencións a entidades dos servizos sociais traduciuse en 2016 nunha financiación do 50 por cento das actividades seleccionadas. Marea Pontevedra analizou o impacto disto na realidade? Como queren facelo máis útil desde o goberno do Concello?

-Máis que prestar un apoio real a entidades que desenvolven a súas actividades no eido dos servizos sociais, o que semella facer o concello estes anos é un lavado de cara, xa que apoiar cun 50 por cento aos que están atendendo as necesidades básicas da cidadanía é unha miseria. Para Marea é esencial acertar cun deseño de políticas de subvencións que sirvan de forma eficaz na loita contra a pobreza e as desigualdades, a partir, insisto, dunha xestión  transparente, democrática, participativa e ligada á contorna rural e urbana.

-Cónstalle que o Concello teña un estudo de necesidades da poboación pontevedresa por barrios e parroquias? Como se fai a distribución de recursos á poboación por ratios de atención e problemáticas? Teñen vostedes un Plan estratéxico para esta área?

-O máis parecido a unha radiografía, e útil como punto de partida, é o Observatorio que o Consello Económico Social lle encarga anualmente ao grupo de traballo da Universidade de Vigo que dirixe o profesor Pedro Figueroa. Presenta unha recollida de datos exhaustiva e faino en táboas comparativas coas outras cidades galegas. O que obvia, en cambio, é deterse a facer unha análise pormenorizada por barrios e parroquias. E o certo é que é moi importante coñecer a calidade vida das persoas, os niveis de risco de exclusión social e a orixe da pobreza. De aí deben saír as políticas de intervención social das que fomos falando nesta conversa. Mais tamén debemos saber que o único xeito de atallar o problema de raíz é desde a economía. Cun modelo que a cidade segue sen ter, que garanta riqueza e, por tanto, postos de traballo con salarios dignos. Pontevedra ten que deixar de estar tamén na cabeza da clasificación en desemprego.

Luís Rei e Pepa Vázquez