Quen son

Son un pontevedrés que dedicou moitas horas da súa vida ó traballo de desentrañar desde a palabra os segredos, obsesións e soños da súa e mais da alma dos demais. Son un pontevedrés que pescuda adoito na memoria individual e colectiva, sabedor de que o pasado propio, co de todos, está na raíz do noso tempo e axuda a entendelo ó dereito.

Son un pontevedrés ó que lle gusta imaxinar outra realidade, xusta e de persoas libres, ás que non lles resulte imposible realizar os seus proxectos cando envorcan neles o seu talento e os mellores esforzos. Son un pontevedrés que quere vivir nunha cidade de prazas e rúas limpas, de casas confortables en espazos ordenados, con transporte público eficiente en frecuencias e tarifas e onde a xestión do común se faga desde o común.

Son un pontevedrés que loita por recuperar a ría e os tres ríos, liberados da cadea perpetua ó veleno, e mais por conseguir que os residuos de todos non sigan sendo o pesadelo de moitos, cos que temos unha débeda histórica. Son un pontevedrés que quere encabezar, desde a unidade popular, o equipo que faga por fin os deberes que dúas longas alcaldías (a segunda, cunha lonxitude de casta) preferiron deixar posposto.

Son un pontevedrés que camiña a carón de moitas mulleres e homes de Pontevedra, compañeiros e loitadoras mareantes, no partido da forza das razóns (o de Mahatma Gandhi, Nelson Mandela e José Mujica), e rumbo ó ben das maioría. Son un pontevedrés que ama os versos de Rosalía, Machado e Yeats, a prosa de Castelao e a aforística de Dieste, as historias de Tolstói e os desherdados de Dickens, a Novena de Beethoven e a Marcha procesional do Corpus, o labirinto de Mogor e a arte do Mestre Mateo, o cinema de John Ford e o de Carlos Velo… ademais das salas do Museo onde nos amosamos co mellor de nós mesmos ós forasteiros.

Son, en suma, un galego que aprendeu a renderse incondicionalmente, canda Manuel Moldes e César Portela e moitos máis amigos benqueridos ante a emanación dun nome de dez letras: Pontevedra!

Fotografía de Patricia Santos