Transporte metropolitano

Pontevedra é o único concello galego de máis de 50.000 habitantes (e un dos poucos de España) que non ten un servizo público de transporte urbano. Esta situación data do ano 1989, cando foi retirado da circulación o derradeiro trolebús. No canto dun servizo público de transporte urbano, o que existe é una rede de liñas que dependen de diferentes concesións da Xunta de Galicia.

Así, por exemplo, conta cun servizo de autobuses que comunica o centro da cidade co barrio de Monte Porreiro, o máis populoso da cidade (máis de 7.000 habitantes). Tamén existe un servizo de autobús con frecuencia de servizo urbano entre Marín e Pontevedra e coa que practicamente se forma un continuo urbano.

A realidade de Pontevedra é esta porque o goberno nunca tivo intención de desenvolver o Plan de Transporte Metropolitano, o cal supón una clara desvantaxe en termos de mobilidade dunha poboación que, por non ter transporte público urbano, non conta coa subvención estatal do Ministerio de Facenda.

En 2005, co actual grupo de goberno á fronte do concello, Pontevedra aprobou a súa inclusión no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Porén, esa decisión non chegou a cumprirse nunca e levamos 11 anos de atraso respecto a cidades como A Coruña ou Ferrol.

Isto supón que a veciñanza de Pontevedra e da comarca están recibindo menos recursos que outras cidades galegas, pois a maior parte do Transporte Metropolitano é asumido pola Xunta de Galicia (80%), unha situación agravada coa ausencia dunha rede de transporte urbano. Esta situación impide que os rapaces de ata 19 anos poidan viaxar de balde no transporte metropolitano, unha discriminación respecto a outros concellos do país.

Ver proposición